O Consello da Cultura Galega,
o Camões, Centro Cultural Portugués en Vigo e a Escola Superior de Arte
Dramática de Galicia poñen en marcha o programa Dramaturxias itinerantes / Dramaturgias itinerantes, que ten por
obxectivo servir de ponte entre as escrituras teatrais galega e portuguesa para
fomentar, a través do diálogo escénico, un mellor coñecemento mutuo que poida
agromar en futuros traballos colectivos.
Nesta primavera de 2019
inaugúrase o ciclo en Galicia o ciclo, primeiro en Compostela e despois en
Vigo, coas dramaturgas Patrícia Portela e Lina Pérez. Poderán escoitarse os
seus textos orixinais nas voces de alumnado da ESAD e de parte do Grupo de Teatro
Amador do Centro Cultural Português do Camões de Vigo “Eu.Experimento” ao tempo
que haberá ocasión de departir coas dúas escritoras nun debate moderado por
Afonso Becerra. Por volta do verán, a actividade terá continuidade en terras
portuguesas.
As obras serán Escudos Humanos. Uma peça de acção con muitas palabras (2008) de Patrícia Portela,
interpretada polo Grupo de Teatro Amador do Centro Cultural Português do Camões
en Vigo, Eu.Experimento, dirixido por Vanesa Sotelo; e Os cans non comprenden a Kandinsky (2017) de Avelina Pérez –obra
orixinalmente editada pola erregueté | Revista Galega de Teatro
no seu número 91–, interpretada polo alumnado da ESAD de Vigo, dirixido por
Nuria Montero, profesora e actriz.
Coma en anteriores encontros
literarios –organizados en colaboración co Instituto Ramon Llull e o Instituto
Etxepare-, o Consello da Cultura Galega publicará na súa web os textos
dramatizados na xornada coa finalidade de seguir a estreitar os vencellos entre
a cultura galega e a portuguesa, co teatro como aliado na construción dun
espazo común e diverso no que existirmos e dende o que falar coas nosas propias
voces.
A primeira sesión de Dramaturxias itinerantes / Dramaturgias
itinerantes terá lugar o vindeiro luns, 8 de abril de 2019, ás 18:30, no
Consello da Cultura Galega. O martes, 9 de abril, ás 16:30, esta sesión de
lecturas dramatizadas repetirase na sede da Escola Superior de Arte Dramática
de Galicia (ESAD), en Vigo. In “erregueté” - Galiza
Sem comentários:
Enviar um comentário