"Congreso sobre Rosalía para conmemorar o 150º
aniversario de Cantares Gallegos.
Cinco xornadas entre os meses de febreiro e
xuño servirán para coñecer a fondo a vida e a obra de Rosalía de Castro. En
2013 cumpriranse 150 anos da publicación en Vigo de “Cantares Gallegos”
A saída do prelo de Cantares Gallegos de
Rosalía de Castro cumprirá o ano vindeiro o 150º aniversario. A saída desta
obra, datada por algúns un 17 de maio, servira a Francisco Fernández del Riego
a principios dos anos sesenta para propoñer o Día das Letras Galegas. Con este
referente da nosa literatura o Consello da Cultura Galega (CCG) decidiu
celebrar entre os meses de febreiro e xuño de 2013 un congreso dedicado a súa
figura.
O anterior congreso sobre a figura de Rosalía
de Castro celebrárase en 1985. Ramón Villares, presidente do CCG, explicou na
presentación desta iniciativa que terá lugar o ano vindeiro que agora hai
outros obxectivos. “Buscamos outras olladas”, asegurou, “procurando a vixencia
de Rosalía no século XXI”. Os tempos mudan, hai máis información e máis medios.
Por este motivo unha parte do Congreso será virtual, un xeito máis económico e
produtivo de que participen investigadoras e investigadores de todas partes do
mundo.
Despois de tantos anos desde o anterior
congreso as achegas serán importantes “mais non revolucionarias”, como indica
María do Cebreiro, membro da comisión organizadora. Como exemplo puxo o
traballo de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda con nova documentación ao redor das
figuras materna e paterna de Rosalía. “Achegará novas informacións”.
O Congreso celebrarase as últimas quintas de
cada mes desde febreiro até xuño de 2013 de maneira presencial no propio CCG e
tamén de forma virtual. Na Comisión organizadora figuran, ademais de María do
Cebreiro, Rosario Álvarez, Anxo Angueira e Dolores Vilavedra." Sermos Galiza - Galiza
Sem comentários:
Enviar um comentário