Máis
eucaliptos, máis absentismo, máis incendios, máis despoboamento… É este o futuro que queremos para o rural
galego? Eucalipto zero, como na Europa! 6 medidas urgentes para salvar nossas
florestas e colocar couto ao eucalipto
A crecente inquedanza social
pola imparábel estensión do eucalipto, que xa acada en Galiza máis de 500.000
ha, fai precisa dunha reacción por parte da cidadanía galega e por suposto,
tamén da Xunta. A especie cobre xa case o 17% de todo o territorio galego,
mentras que en Portugal non chega ao 9%. A intensidade de ocupación da nosa
terra é portanto dupla que no país veciño. Este dato chama a atención non só
pola importante superficie que representa, senón tamén porque de todos os
estados europeos, só España e Portugal permiten o monocultivo desta árbore. Que
razóns xustifican esta anomalía?
A expansión do eucalipto vese
favorecida por un modelo de explotación do monte intensamente forestalista, que
aposta pola produción de madeira con pouco valor engadido, e acusa á continua
presión do lobby pasteiro-enerxético para ocupar con novas especies como o
Eucaliptus nitens áreas anteriormente vetadas ao E. globulus.
A recente desregulación do
sector da biomasa, trala derrogación do decreto 149/2008, vai ter un efecto
chamada sobre os plantíos para queimar, nomeadamente de E. Nitens. O obxectivo
do sector pasteiro-enerxético encabezado por ENCE é estender o seu modelo de
xeración eléctrica baseado nas grandes centrais térmicas de 50, 100MW, mediante
os cultivos enerxéticos (plantar-queimar-plantar). Isto xa está a provocar unha
nova vaga eucaliptizadora no país.
Tendo en conta que superfície
agraria útil (SAU) na Galiza é de 8,4 ha por explotación, mentras que no estado
chega ás 24,7 ha, e que nos dous últimos anos desapareceron no noso país unhas
1200 explotacións, estamos a falar de 10.000 ha que en grande parte teñen sido
ocupadas polo eucalipto. Terreos rústicos de protección ordinaria destinados a
cultivo e terreos rústicos de especial proteción agropecuaria que non poderían
ser forestados, remataron inzados de eucaliptos diante da pasividade da
Xunta.
As consecuencias destas
políticas sobre o agro, o monte e a sociedade galega son catastróficas: perda
de soberanía alimentar; abandono do medio rural; reconversión das iniciativas
produtivas vencelladas á terra en absentismo urbanita con rentistas do
eucalipto desconectados do territorio... E no eido ambiental e patrimonial,
empobrecemento da biodiversidade, perda de fertilidade, aumento da erosión,
escaseza de auga, maior intensidade dos lumes forestais, perda do patrimonio
arqueolóxico…
Medio
millón de hectáreas de eucalipto xa é dabondo: aínda non é tarde para reaxir!
Para tentar reverter esta
situación, os colectivos integrados na iniciativa “Cousa de Raíces” reclamamos
ás administración a adopción con carácter urxente das seguintes 6 medidas:
1. Moratoria para novos
plantíos de Eucaliptus: Ao igual que acaba de facer Portugal, debería
prohibirse a ocupación de novas con especies do xénero Eucaliptus, cando menos
até que se avalíen os impactos desta árbore sobre os ecosistemas naturais logo
de 40 anos de monocultivo intensivo, se realice o inventario de masas de
frondosas autóctonas e se redacte un novo Plano Forestal que ordene os
aproveitamentos do monte con criterios de sustentabilidade. Ademais debería
aplicarse estritamente a Lei de Montes para impedir a forestación de terras
agrarias e os plantíos sobre hábitats de interese.
2. Prohibición do Eucaliptus
nitens: Esta árbore está considerada polo Comité científico do Ministerio
español do ambiente como unha “especie exótica en expansión, con alto risco de
invasión e perigosa para a biodiversidade e a funcionalidade dos ecosistemas”.
Malia a non estar formalmente incluido no Catálogo estatal de especies exóticas
e invasoras, o E. nitens éo. En consecuencia, e como acontece coas demais
especies invasoras, Estado e Xunta deberían incluir a esta especie no catálogo
e prohibir a súa plantación, trafego e aproveitamento para preservar a
integridade do noso patrimonio natural.
3. Freo aos cultivos
enerxéticos no novo Plano Forestal: O aproveitamento da biomasa forestal con
fins enerxéticas non pode ser un obxectivo en si mesmo. Debe estar orientada á
prevención dos incendios e a servir de apoio aos tratamentos silvícolas, para
producir un incremento dos volumes de madeira de alta calidade e favorecer a
conservación dos ecosistemas forestais e as condicións fitosanitarias dos
bosques galegos. O aproveitamento da biomasa consonte a estes criterios debería
reverter nas comunidades locais, como un complemento máis das iniciativas
vencelladas ao territorio, e non converterse en obxecto de especulación por
parte das grandes corporacións. Neste senso, os denominados cultivos
enerxéticos (plantar-queimar-plantar) deberían estar ausentes das políticas
agroforestais.
4. Cumprimento estrito da lexislación
para impedir a forestación de terras agrarias e os plantíos sobre hábitats de
interese: A proibición de forestar as terras agrarias debería ser respectada
aplicando as correspondentes sancións aos infratores. A administración debería
iniciar un proceso de reversión, mesmo mediante a execución subsidiaria, para
que as terras agrarias hoxe ocupadas por plantacións forestais retornaran ao
seu uso orixinario. Esta iniciativa debería complementarse cun Plano de
ordeamento territorial e de orientación de cultivos, para potenciar a
mobilidade das terras e o correto aproveitamento da superficie agraria util.
Tamén resulta fundamental garantir o cumprimento das normas que impiden a
susbtitución de carballeiras e doutro tipo de formacións e hábitats de interese
por eucaliptais, revertindo as afeccións e restaurando as funcións ecolóxicas
destes espazos.
5. Establecemento dunha
fiscalidade “verde” para o eucalipto: O aproveitamento intensivo desta especie
comporta o deterioro de servizos ecosistémicos que como a diversidade natural,
a dispoñibilidade de auga, a fertilidade do solo, ou a calidade paisaxística,
son importantes para a vida e o mantemento das actividades económicas da nosa
sociedade. Os eucaliptais inciden tamén na maior frecuencia e intensidade dos
lumes; na contaminación de terras e rías con agroquímicos e subprodutos das
celulosas; no empobrecemento da biodiversidade e no avanzo da erosión,
provocando perdas económicas directas. Tamén, o eucalipto contribúe a fosilizar
importantes cantidades de recursos públicos: o PLADIGA -plano de loita contra o
lume- custa anualmente máis de 150 millóns de €. En consecuencia, o
aproveitamento do eucalipto debería estar gravado cun imposto que contribuira a
reverter os danos que provoca no medio e as perdas económicas que este modelo
causa á sociedade.
6. Promoción dos
aproveitamentos sustentábeis e da conservación dos bosques naturais: Os modelos
de aproveitamento que apostan pola multifuncionalidade do monte e baseados na
utilización das especies autóctonas, deberían estar primados con incentivos,
mesmo sen ter unha fin produtiva. Os nosos bosques naturais prestan un
importante servizo á sociedade, polo que semella lóxico que esta repercuta
parte dos beneficios a aquelas comunidades e propietarios/as que apostan pola
súa conservación. In “ADEGA Asociación para a Defensa Ecolóxica
de Galiza” - Galiza
Sem comentários:
Enviar um comentário