De onde somos? Pois de aquí e de alá. Somos
europeos por imperativo xeopolítico, pero iso non quer dicir que un non poida
sentir mais afinidade con un caboverdiano e ata cun arxentino, sobre todo en
momentos de silencio, ca con un sueco ou un teutón. Isto non supón que ser
europeo e sentírmonos europeos sexa un problema, senón que a lingua, a
historia, e ata a ideoloxía, entre outros, conforman patróns de conduta persoal
e colectiva que se superpoñen ás simplezas do tipo común e reducionistas que se
derivan da aplicación mecánica da xeografía. Hai case un século, a Galicia máis
avanzada estaba á vangarda do europeísmo cando na península, mesmo en boa parte
da intelectualidade, predominaba a caverna.
As virtudes e riquezas de Galicia nese
contexto son incomparables, a non ser que entendamos como “problema”, como os
ruíns, que ser de aquí e de alá é un inconveniente insuperable que dispersa as
nosas enerxías. Debe haber poucos países no mundo onde proliferen tantos
bizantinismos que nos deixan esgotados. Pero vese que non hai bebedoiro
milagroso contra iso. En tempos híbridos como os que vivimos, pola contra, esas
almas “dispersas” que nos habitan permítennos tirar proveito, se actuamos con
intelixencia e operatividade, dun capital relacional que vale o seu peso en
ouro.
Obviamente, somos parte de Europa. Non hai
jangada de pedra, a non ser literaria. E a nosa economía e o noso comercio
impoñen unha realidade contra a que non só non debemos revirarnos senón que
debemos explorar e explotar en propio beneficio. Na práctica, esas magnitudes
empíricas fóronse superpoñendo claramente ao que algúns cualifican de
sentimentalismo e que renegan de afán algún da vena celtista. Non entro na
discusión científica, pero é unha renuncia absurda produto dun exceso de
purismo. Hai elos comúns que nos afinan cos pobos célticos en maior medida ca
con moitos outros pobos europeos.
Polo demais, esas mesmas almas explican que
nos sintamos mais próximos dun cubano ou dun ecuatoriano ca dun holandés. Ou ata
dun angolano se nos comparamos cun flamenco por mais que as realidades sexan
tan distantes e dispares. Pouco poden dicirnos algunhas Europas onde podemos
sentirnos mais estraños que en Montevideo.
Se Galicia virase a súa mirada con maior
frecuencia e con un horizonte amplo cara fóra, capaz de transcender a política
ou a economía, non soamente relativizaría os seus dramas, tantas veces tan
incriblemente desconcertantes, senón que recoñecería a súa propia versatilidade
como característica nacional. A cultura ten aquí unha gran función a
desempeñar.
Esa forma de ser e de estar só pode xerar
admiración alá onde se manifeste entre quen ignora, sen prexuízos, o que somos.
Hai motivo para agradecer e exhibir con orgullo esa rica ambigüidade que nos
define e na que radica a nosa forza. A teima de nos querer facer só dun sitio,
con límites espesos, renega disto. E por iso, desvalendo a complexidade en
lugar de potenciala, tanto empeño en que só sexamos de aquí ou de alá. Xulio Ríos – Galiza in “Palavra Comum”
Sem comentários:
Enviar um comentário